Meiga do Norte é un grupo que no seu nome abandeira o poder dun ser extraordinario, máxico, con moita raigame na cultura popular das terras do norte. Este ser pode curar e incluso ver onde outros non dan. Segundo a tradición as xentes acoden a este ser para conseguir algo ou curarse, por medio dos seus conxuros. Nós cambiamos as vasoiras por melodías de voz; acordes de guitarra, teclado, baixo e o ritmo da batería. Convertemos os feitizos escritos nas nosas propias cancións.
Adéntrate no mundo de Meiga do Norte e descubre se a pócema deu o seu resultado. Haberá un sitio para nós na túa mente?
Terra de Ninguén: Galiza [Meiga do Norte]
Terra miña, xa non es tan verde coma cando me acolliches, xa non es tan pura coma cando te coñecín.
Confesa, que fixeches para merecer isto? Confesa, terra confesa.
A cadaquén o seu merecido, pois ben, cóntame a min na intimidade, en que te equivocaches, escoito cos ollos, cos oídos vexo.
E non me gusta o que percibo, non é xustiza o que diviso, ti que nos agasallas co noso existir, e nós que non permitimos ao froito da nosa esencia madurar.
Abramos ollos para escoitar e oídos para ver, tacto para gustar e lingua para ulir; nariz para tocar.
Tocar e percibir ese lugar que nos acolle sen pedir nada a cambio. Non pide, non, pero nós erroneamente lle damos.
Terra de ninguén, Galiza, ti es túa, grítao!!!
Abramos ollos para escoitar e oídos para ver, tacto para gustar e lingua para ulir; nariz para tocar.