Benvid@s ao ring! Señoras, señores, o espectáculo vai comezar! Saberán o que é medo! Saberán o que é violencia! Benvid@s a Pressing Catch, á expresión da furia que tod@s levamos dentro! Loitadores e loitadoras da vida cotiá enfrontaranse sobre o escenario da nova montaxe de Berrobambán, dirixida por Quico Cadaval, sobre un texto de Paula Carballeira.
Vivimos na era do medo. Temos medo practicamente de todo, e iso limita a nosa liberdade, anúbranos o entendemento e fainos manipulables nas mans das novas tecnoloxías, dos medios de comunicación, do poder. É curioso que algúns dos programas máis vistos nos últimos dez anos en diferentes televisións do planeta sexan os dedicados á loita.
En Berrobambán tómanse convencións do "pressing catch" para facer teatro: os epítetos dos loitadores, a acrobacia, a música que os acompaña, pero introducindo variantes coma o coidado dos diálogos, a presenza feminina, e, sobre todo, a descontextualización da loita. En Pressing Catch, a loita que se realiza nos cuadriláteros, seguindo unhas normas determinadas, vai ocupar un espazo de ficción como é o teatro e, á vez, vai ter un paralelismo coa realidade, cos loitadores e loitadoras anónimos que realizamos actos de violencia cada día sen reparar neles.
Pero os nosos loitadores e loitadoras recorren ao enfrontamento verbal, á loita a través da linguaxe, os argumentos como labazadas. Coma o rap ou a regueifa, a resistencia, a dialéctica e a loita fanse linguaxe e mesmo canción. Hai expresións da cultura urbana que conquistan a rúa, o espazo público, e fan dela un espazo de rebelión. O noso pressing catch conecta tamén co graffiti, o hip hop, … Precisamente, con como se pode transgredir con ese uso da violencia como espectáculo, como obxecto de consumo, e construír unha cultura propia, onde a loita sexa verbal.
E como este Pressing Catch non remata no espectáculo teatral, trátase de que participedes. Artistas, músic@s, dj's, mc's, vocalistas, graffiteir@s, regueifeir@s, podedes achegar as vosas creacións. Podedes ler a convocatoria do noso certame e pórlle música a Pressing Catch.