Os días 11, 12 e 13 de Setembro Redondela acollerá A Foliada, un festival de intercambio social e cultural entre Galiza e Catalunya cun intenso programa de actividade.
A Foliada Redondela’09 é un Festival de intercambio cultural entre Galiza e Catalunya que se vén celebrando desde o ano 2003. O principal obxectivo do encontro é o de mostrar, demostrar e mesturar elementos da cultura popular e acción social dos dous países. Cada ano se celebra alternativamente nunha vila galega e no barrio barcelonés de Nou Barris, onde nace a idea orixinal da Foliada. Este ano é a Vila dos Viadutos a encargada de albergar o Festival.
O día 11 de Setembro, Redondela acollerá a chegada de case 200 cataláns que arribarán á vila para participaren activamente no evento. Músicos, artistas de circo, activistas da bicicleta, cociñeiros, malabaristas, fotógrafos, actores e demais artistas ocuparán as rúas da Vila para se mesturaren coa parte galega, non menos numerosa e diversa. A fin de semana do 11, 12 e 13 de setembro será para Redondela e Galiza un foco de creación e difusión cultural.
A Foliada Redondela’09 preséntase como un espazo para o intercambio, a reflexión e a acción. En cada edición, a vila organizadora aporta a súa propia visión do evento convertendo ao Festival nun auténtico proceso que vai madurando co paso dos anos. Nesta ocasión, os organizadores pretenden combinar a festa co intercambio e a reflexión sobre dúas temáticas que nos afectan no cotiá, como son os hábitos de consumo e a mobilidade. Neste sentido, varias das actividades propostas pivotan sobre estas temáticas.
Nos tres días do Festival hai planificadas actividades diversas para todas as idades e condicións. A partir do venres 11 pola tarde, o público poderá gozar do programa: desde obradoiros de xoguetes reciclados ata sesións jam de masaxes e aloumiños, pasando por concertos (Tres Trebóns, Herederos del Taxi ou Trasnos de Moscoso), xantares abertos a todo o público, roteiros, encontros de colectivos, pasarrúas de diables i correfocs, xogos populares, futbolín humano ou un serán mestizo. A Foliada Redondela’09 pretende ser unha xanela aberta á cultura popular e á reflexión social.
O Festival está organizado tanto por colectivos e individuos galegos como por cataláns que se veñen reunindo desde o mes de febreiro. A financiación da Foliada conta coa axuda económica da Generalitat de Catalunya e do Concello de Redondela e, nunha gran parte, froito da autoxestión.
No Programa da VI Foliada Galiza-Catalunya inclúese o inicio da tempada da Liga Nacional de Billarda.O sabado as 16:30 estades todos convidados a participar no primeiro torneo aberto do ano. agardamosvos. http://lnbsur.wordpress.com/